Saltar ao contido

Seguridade e cumprimento

O que lle vas ter que ensinar á túa área de sistemas

En infraestrutura crítica, a decisión técnica final non a toma quen necesita o sistema, senón quen responde da rede. Esta páxina está escrita para esa persoa.

Principio de partida

Metrosafe deseñouse asumindo que vai operar dentro dunha infraestrutura crítica e que, polo tanto, é superficie de ataque nova para o operador. A postura por defecto é restritiva: menos permisos, menos exposición, menos retención e todo rexistrado.

  • Todo cifrado, en tránsito e en repouso. Sen excepcións para contornas de proba.
  • Ningún acceso sen segundo factor.
  • Ningún permiso concedido por defecto: outórgase por rol e por ámbito.
  • Ningunha consulta ao histórico sen deixar rastro.
  • Ningún dato retido máis alá do que defina a política do operador.

Controis técnicos

ÁmbitoControl
CifradoTLS 1.2 ou superior en tránsito; discos cifrados en repouso; xestión e rotación de claves
IdentidadeDobre factor obrigatorio, política de contrasinais, SSO opcional contra o directorio do operador
AutorizaciónControl de acceso por roles (RBAC) con ámbito xeográfico e funcional
RedeMicrosegmentación, segregación de contornas, filtrado e balanceo con WAF
APILímite de taxa por credencial, credenciais de servizo acoutadas, protección fronte aos riscos OWASP API
TrazabilidadeRexistro estruturado, pegada de auditoría de accesos e accións, retención definida
Ciclo de desenvolvementoSAST e DAST continuos en CI/CD, análise de dependencias, despregamento por canle controlada
OperaciónTelemetría, métricas e trazas, panel de SLO, alertas e copias con procedemento de recuperación

Verificación independente

Os controis anteriores decláraos o fabricante. O que os converte en algo defendible ante un comité é que os verifique alguén que non sexa o fabricante.

  • Pentesting de caixa gris sobre portal, API e infraestrutura, realizado por un auditor externo independente.
  • Verificación técnico-normativa dos controis fronte ás boas prácticas OWASP API e aos controis do ENS e da ISO 27001, con evidencias documentadas.
  • Probas de carga e concorrencia con límites operativos declarados e comportamento de degradación coñecido.
  • Peche de achados verificado: o criterio de aceptación é cero achados críticos abertos.

Marco normativo

Certificacións e conformidade

  • ISO/IEC 27001 — sistema de xestión de seguridade da información
  • ISO 9001 — sistema de xestión da calidade
  • UNE 166002 — sistema de xestión da I+D+i
  • Conformidade co Esquema Nacional de Seguridade (ENS), coas guías CCN-STIC como referencia técnica

NIS2 e CER

A Directiva (UE) 2022/2555 (NIS2) e a Directiva (UE) 2022/2557 (CER) elevan as esixencias de ciberseguridade e de resiliencia física para as entidades esenciais, e o transporte está expresamente dentro do seu ámbito. Para un operador afectado, iso tradúcese en obrigas concretas de xestión de riscos, notificación de incidentes e supervisión da cadea de subministración.

Metrosafe está construído para caber nese marco sen friccións: rexistro auditable de accesos e accións, evidencia reproducible do ocorrido durante un incidente, controis técnicos documentados e un provedor que pode achegar as súas propias evidencias cando o operador teña que responder da súa cadea de subministración.

Convén ser preciso con isto: unha ferramenta non “cumpre NIS2” por si soa. Quen cumpre —ou non— é a entidade. O que fai Metrosafe é non complicarllo e achegar a evidencia que o operador necesita para demostralo.

Como se trata o dato do traballador

Localizar unha persoa é tratar un dato persoal, e nun contexto laboral iso ten regras propias. É tamén, na práctica, a obxección que máis despregamentos deste tipo bloquea en España. Merece unha resposta directa e non unha nota ao pé.

  • Base legal e finalidade acoutada: a finalidade é a seguridade operativa e a coordinación de emerxencias, non o control do rendemento. Os dous usos non se mesturan.
  • Información previa á persoa traballadora e á súa representación legal, conforme ao artigo 90 da LOPDGDD, que esixe informar de forma expresa, clara e inequívoca sobre o uso de sistemas de xeolocalización.
  • Minimización: o sistema publica zona e recinto, que é o que a operación necesita. A resolución fina existe para o axuste ao plano, non para vixiar a ninguén.
  • Limitación temporal: a localización recóllese durante a quenda e coa cadencia configurada, non de forma permanente.
  • Retención acoutada e configurable, con borrado automático ao vencer o prazo definido polo operador.
  • Anonimización dispoñible para os usos analíticos e de planificación, que non necesitan saber de quen era cada traxectoria.
  • Rexistro de accesos: cada consulta ao histórico queda trazada, de modo que se pode acreditar quen mirou que e cando.

Un despregamento ben formulado explícase antes ao comité de empresa que ao centro de control. É a parte do proxecto que máis se subestima e a que máis veces decide se sae adiante.

Continuidade do servizo

Dispoñibilidade comprometida
SLA ≥ 99,95 %
Soporte
24 × 7 × 365
Observabilidade
métricas, logs e trazas con panel de SLO consultable polo cliente
Copias e recuperación
copias periódicas con procedemento de restauración probado
Escala verificada
≥ 70 terminais concorrentes en uso nominal

O panel de SLO consúltao o cliente. Un nivel de servizo que só pode verificar o provedor non é un compromiso, é unha declaración de intencións.

Pasámosche o dosier de seguridade?

Arquitectura, controis, alcance da auditoría e tratamento do dato. O que a túa área de sistemas necesita para dar ou negar o visto bo.

Respondemos en menos de 24 horas laborables.